Tipo de documento
Mapa temático
Os mapas son representacións gráficas reducidas e aproximadas da superficie terrestre. Son reducidas porque utilizamos escalas que permiten a representación de grandes distancias e superficies nun espazo pequeno, e aproximadas porque ao representar o espazo, que é tridimensional, nun plano bidimensional, sempre se producen deformacións, que dependen do sistema de proxección xeográfica usada. Para a Xeografía, os mapas son indispensables, xa que a través deles se pode representar e analizar o espazo xeográfico. Os mapas temáticos sintetizan a información sobre as características, distribución e localización dos diferentes fenómenos xeográficos. En función dos datos dos que se dispón e dos nosos obxectivos, pódense elaborar mapas temáticos de diverso tipo. As novas tecnoloxías tamén transformaron o proceso de elaboración de mapas, pero, aínda así, sempre se debe ter claro que tipo de mapa é o máis indicado para representar os datos que temos diante. Ademais da elaboración de mapas sinxelos, é importante saber como se comentan e interpretan, sacando toda a información que nos achegan e conectándoa cos coñecementos que se teñen sobre o tema.
- Buscar datos significativos sobre o fenómeno que queremos representar e que teñan un compoñente espacial. Nalgúns casos, darannos os datos; noutros, teremos que buscalos nos diferentes tipos de fontes xeográficas.
- Elixir o tipo de mapa máis adecuado para representar a variable ou variables que queremos representar. Existen diferentes tipos de mapas temáticos.
- Mapas de signos ou figuras: utilizan elementos simbólicos e debuxos para representar a información. Nalgúns casos, poden ser proporcionados ao valor do fenómeno representado.
2. Mapas de liñas: usan liñas para representar a información. Os máis empregados son:
- Mapas de isoliñas: as liñas unen puntos de igual valor no aspecto analizado, que pode ser, por exemplo, a temperatura (isotermas), a presión atmosférica (isóbaras), as precipitacións (isohietas), a altitude (isohipsas), etc.
- Mapas de fluxos: indican a dirección ou movemento dun determiando fenómeno. Ás veces, o seu grosor está relacionado co valor da variable.
- Os mapas de coropletas utilizan cores ou tramas para representar a área que ocupan os diferentes valores dun fenómeno xeográfico.
- Os mapas anamórficos distorsionan o tamaño real das zonas, porque a superficie representada é proporcional ao valor da variable.
Descargar en formato .pdf (24 kb)