Vocabulario

Comisión europea

É unha das principais institucións da Unión Europea. Representa e defende os intereses do conxunto da UE, elabora propostas de nova lexislación europea e xestiona o labor cotián de poñer en práctica as políticas e facer uso dos fondos europeos. Está integrada por 27 Comisarios, un por cada país membro da UE. O presidente (actualmente o portugués José Manuel Durão Barroso) é elexido polo Consello Europeo e atribúe a cada Comisario competencias en ámbitos de actuación específicos. A Comisión supervisa e aplica as políticas da UE:
    a) propoñendo nova lexislación ao Parlamento e ao Consello;
    b) xestionando o orzamento da UE e asignando fondos;
    c) fai cumplir a lexislación da UE (xunto co Tribunal de Xustiza) e 
    d) representa á UE na escena internacional, negociando acordos entre a UE e outros países.
 

Movementos antiglobalización

Corrente de protesta mundial que inclúe a ducias de grupos de diferentes países que teñen en común o seu rexeitamento ao capitalismo e ao modelo neoliberal (baseado nunha política macroeconómica que pretende reducir ao mínimo a intervención estatal en materia económica e social). Nestes movementos danse cita colectivos que inclúen aos sindicatos, os intelectuais de esquerda, ecoloxistas, indixenistas ou grupos desfavorecideos que acusan ao sistema económico de amoral e inxusto. Os diferentes grupos antiglobalización levan máis dunha década traballando en cuestións relacionadas cos problemas causados pola globalización da economía mundial. Organizaron numerosas campañas para a condonación da débeda externa dos países pobres e a reforma de institucións como o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional.
 

Obxectivos do Milenio

Os Obxectivos do Milenio, fixados pola ONU no ano 2000, son 8 obxectivos de desenvolvemento humano (erradicar a pobreza extrema e a fame; lograr o ensino primario universal; promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller; reducir a mortalidade infantil; mellorar a saúde materna; combater a SIDA, paludismo e outras enfermidades; garantir a sustentabilidade do medio ambiente; fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento), que os países desta organización se fixaron conseguir no ano 2015
 

Xeopolítica

A Xeopolítica é unha rama das Ciencias Políticas que estuda ao Estado como un organismo vivo e partindo do territorio como influente e ata condicionante da actividade humana co fin de conseguir seguridade e benestar, que son os obxectivos xeopolíticos de todo Estado. A xeopolítica foise consolidando a través do tempo como un coñecemento científico teórico e pragmático que se inspira na intima relación entre o Estado e o espazo onde aquel ten un interese político que satisfacer.