Vocabulario - Riscos e problemas ambientais

Avaliación de impacto ambiental

Procedemento administrativo que permite identificar os posibles efectos ambientais dunha acción humana durante a fase en que aínda está en proxecto, propoñendo medidas para evitalos, reducilos ou compensalos. Por exemplo, antes de realizar unha estrada, unha presa ou un porto, analízanse as posibles consecuencias ambientais e establécense medidas para diminuír os efectos negativos que esa obra poida ter sobre o medio.

Ecosistema

Comunidade natural unitaria ou, polo menos, homoxénea integrada por uns determinados seres vivos (animais, plantas, bacterias), compoñentes abióticos (o ambiente físico) e uns fluxos de enerxía e materiais.

Efecto invernadoiro

Situación que se dá no planeta de forma natural pero que, nas últimas décadas, se acentuou pola actividade humana. A acumulación de emisións de gases procedentes da queima de combustibles fósiles crea unha capa que, como o teito dun invernadoiro, impide saír ao espazo a calor emitida pola terra e os océanos. Esta calor acumúlase e favorece o quecemento global.

Paisaxe

A paisaxe xeográfica é o aspecto visual que ofrece un territorio. Depende dos elementos naturais que o integran e das actividades humanas que se desenvolven nel. De acordo con iso, as paisaxes xeográficas clasifícanse habitualmente en naturais e humanizadas, aínda que a maioría son mixtas.