Paisaxe agraria mediterránea

    Comprende o litoral e prelitoral mediterráneo, o val do Guadalquivir e as illas Baleares. O medio físico desta zona posúe un relevo accidentado no litoral mediterráneo, chairo preto da costa e algo montañoso na área prelitoral; e un relevo de suaves campiñas no val do Guadalquivir. O clima é mediterráneo de influencia marítima, con precipitacións moi escasas no verán.
 
    A estrutura agraria caracterízase polos seguintes trazos:
 
    - A poboación, tradicionalmente numerosa, é hoxe reducida debido ao éxodo rural. O poboamento disperso característico tende á concentración, agás nas hortas litorais.
 
    - As explotacións son de distinto tamaño. Nas zonas de regadío, predomina o minifundio. En secaño, as explotacións son pequenas e medianas en Valencia e Murcia, medianas en Cataluña e grandes en Andalucía occidental.
 
    - Os usos do solo son principalmente agrícolas.
 
    A agricultura presenta claras diferencas entre as áreas de secaño e as de regadío:
 
    - Os cultivos de secaño esténdense polas campiñas do val do Guadalquivir; as zonas prelitorais montañosas ou accidentadas; e o interior mallorquino. Están ocupados por cereais, vide, oliveira e amendoeiras.
 
    - Os cultivos de regadío vense favorecidos polas suaves temperaturas, a elevada insolación, a protección do relevo, a existencia de solos apropiados e unha importante demanda internacional. Dedícanse á horticultura temperá ao aire libre, á horticultura precoz baixo plástico, á fruticultura mediterránea (cítricos, árbores, froiteiras de carabuña e de pebida) e aos froitos tropicais (chirimoia, aguacate) nas foxas de Málaga e de Granada, grazas á excepcional suavidade dos invernos.
 
    A gandería bovina e porcina predomina en Cataluña estimulada pola demanda urbana; a ovina nos secaños; e as reses bravaas das beiras do Guadalquivir.
 
    A explotación forestal ten escasa significación, agás en Huelva, onde hai grandes extensións de eucalipto.