Paisaxe agraria de montaña

    Posúe un medio físico con condicións extremas: relevo de elevada altitude e fortes pendentes; e clima frío, con precipitacións moi abundantes, que en inverno caen en forma de neve.
 
    A estrutura agraria caracterízase polos trazos seguintes:
 
    - A poboación presenta densidades moi baixas e unha forte tendencia emigratoria. O poboamento era tradicionalmente disperso en pequenos núcleos localizados nos vales. Na actualidade tende a concentrarse en vilas máis grandes.
 
    - As explotacións son contrastadas. Coexisten pequenas explotacións privadas formadas por parcelas pechadas, habitualmente separadas entre si, con montes e praderías municipais, de aproveitamente exclusivo para os veciños.
 
    - Os usos do solo son diversos e complementarios, graduándose en función das variacións climáticas: agricultura no fondo dos vales; explotación forestal nos bosques das vertentes; e gandería nas matogueiras e pastos dos cumes; aínda que existen diferenzas segundo a área climática onde se localizan as montañas.
 
    A agricultura, nas montañas do norte peninsular, desenvólvese no fondo dos vales e céntrase nos cultivos de horta. En cambio, no sur de Galicia, e nas montañas máis térmicas do Levante e do sur, algúns cultivos, como a vide, as amendoeiras e as oliveiras, ascenden polas vertentes en solcalcos e terrazas.
 
    A gandería é extensiva. Nas montañas do norte peninsular é bovina ou ovina, e pasta nos claros dos bosques e nas matogueiras e praderías dos cumes. Na montaña mediterránea, onde adoita faltar o piso supraforestal de pastos, domina a gandería ovina, que practica unha trashumancia local entre o val e o cume.
 
    A explotación forestal é maior nas montañas do norte. Céntrase no aproveitamento da leña e da madeira de especies como o eucalipto, o castiñeiro ou o piñeiro.