Paisaxe agraria do interior peninsular
Comprende ambas as dúas mesetas e a depresión do Ebro. O medio físico desta zona posúe un relevo chairo, de elevada altitude media na Meseta, e un clima mediterráneo continentalizado, con escaseza de precipitacións estivais e acusados contrastes térmicos estacionais.
A estrutura agraria caracterízase polos trazos seguintes:
- A poboación agraria é moi escasa e envellecida, debido á forte emigración sufrida entre 1950 e 1975. O poboamento é concentrado en vilas, pequenas e próximas nos vales do Douro e do Ebro, e grandes e distanciadas entre si na metade sur peninsular.
- As explotacións son de diverso tamaño. O minifundio predomina no val do Douro, aínda que se reduciu debido á emigración e á concentración parcelaria, e nos regadíos do Ebro. As grandes propiedades son características de moitos secaños casteláns, aragoneses e estremeños.
- Os usos do solo son agrícolas, gandeiros e forestais.
A agricultura presenta claras diferenzas entre as áreas de secaño e as de regadío.
- O secaño domina nos páramos e campiñas da meseta e nas áreas non regadas do val do Ebro. Practica unha agricultura extensiva en campos abertos, protagonizada pola chamada "triloxía mediterránea": os cereais, a vide e a oliveira.
No pasado, os cereais, principalmente trigo, rotaban con barbeito ou con leguminosas e levaban asociada unha gandería ovina que pastaba nas restrebas. Tamén se plantaban cultivos leñosos, como a vide e a oliveira, e, en menor medida, amendoeiras e alfarrobeiras. Estes cultivos aparecían como monocultivo, asociados entre si, ou xunto a outros aproveitamentos.
Na actualidade, o trigo foi substituido en gran parte pola cebada; e o barbeito completo substituíuse polo medio barbeito, que utiliza o xirasol como cultivo de descanso, ou desapareceu grazas ao uso de fertilizantes químicos. Os cereais predominan en Castela e León, mentres en Castela-A Mancha, Aragón e Estremadura cobran máis importancia o oliveiral e o viñedo. Este último destaca na Rioxa e en Navarra, pola súa calidade e extensión.
- O regadío permite practicar unha agricultura máis intensiva.
No pasado, o regadío limitábase a reducidas extensións nas veigas dos ríos e preto das vilas, que producían sobre todo hortalizas para autoconsumo.
Na actualidade, a extensión da superficie regada permitiu diversificar a produción: plantas industriais como a remolacha azucareira, o lúpulo e o tabaco; forraxes para a alimentación do gando, como a alfalfa ou o millo; e froitas e hortalizas, que son a base dunha destacada industria conserveira nas terras rioxanas, navarras e aragonesas do val do Ebro.
A gandería ten importancia nos secaños e nas devesas:
Os secaños casteláns e os da depresión do Ebro manteñen unha importante gandería ovina, que pasta nas restrebas. Ademais, en Castela e León medraron o gando bovino de leite, aproveitando as forraxes producidas nos regadíos, e o gando porcino.
As devesas occidentais de Estremadura, Salamanca, Zamora e Andalucía son explotacións agrogandeiras, que nas zonas de serra aproveitan tamén a madeira de aciñeira e da sobreira. A devesa tradicional tiña unha orientación principalmente gandeira: os seus pastos alimentaban os rabaños de ovino e de porcino, e, secundariamente de bovino; parte das súas terras cultivábanse en longas rotacións para proporcionar alimentos e restrebas ao gando durante a longa seca estival; e o froito das aciñeiras e das sobreiras usábase na etapa final de ceba do porco. Na actualidade, xunto ao mantemento do sistema tradicional, introducíronse cambios. Entre eles, unha maior orientaciónao gando vacún; a dedicación á agricultura dalgunhas devesas con mellores solos; e a reconvesión cara a outros usos, como a caza.
A explotación forestal é característica dalgunhas áreas, como a Tierra Pinariega soriana.