Vocabulario

- Poboación Activa

Poboación que ten un emprego ou que o busca. A poboación activa pode estar ocupada (aquela que desempeña un emprego remunerado) ou estar desocupada ou en paro.
 

- Esperanza de Vida

Número medio de anos que unha persoa ao nacer espera vivir, supoñendo que as condicións de mortalidade permanezcan constantes.
 

- Réxime Demográfico

Cada etapa pola que pasa a evolución do movemento natural dunha poboación na que a natalidade, a mortalidade e o crecemento natural presenta características homoxéneas.
 

- Censo de Poboación

O censo de poboación é o reconto da poboación dun país, que se refire a un momento determinado no tempo e que inclúe as súas características máis importantes, tanto de tipo sociodemográfico coma económico: idade, sexo, estado civil, lugar de nacemento, nacionalidade, nivel de instrución, actividade económica, etc. En España realízase cada dez anos; desde 1981, nos anos rematados en 1. É un documento estático que reflicte o estado da poboación no momento que se realiza.
 

- Saldo Migratorio

Diferenza entre o número de inmigrantes e o de emigrantes nun determinado territorio. Se o balance é negativo, significa que hai máis emigración que inmigración; mentres que o balance positivo indica o contrario, máis inmigración cá emigración.
 

- Taxa de Fecundidade

A taxa de fecundidade relaciona o número de nacementos nun ano co número de mulleres en idade de ter fillos, e exprésase en tantos por mil. A taxa de fecundidade é igual ao número de nacementos multiplicado por 1000, dividido polo número de mulleres entre 15 e 49 anos. A taxa é alta se o valor e superior a 150‰, media se está situada entre 150‰ e 75‰ e baixa se é inferior a 75‰.
 

- Transición Demográfica

Etapa de transición entre o réxime demográfico antigo e o moderno que se caracteriza por un descenso brusco da mortalidade e un descenso suave da natalidade, o que xera un crecemento natural elevado. Para explicar cada etapa os demógrafos remiten ao chamado modelo de transición demográfica. Este modelo é unha teoría que serve para explicar como a poboación do Reino Unido pasou dun crecemento case nulo, debido a unha elevada mortalidade (réxime demográfico antigo), a un crecemento practicamente nulo tamén motivado por unha baixa natalidade (novo réxime demográfico). Este modelo aplícase á dinámica da poboación de moitos países europeos, entre eles España.
 

- Padrón Municipal

O padrón municipal é un rexistro que leva a cabo cada concello sobre a poboación que vive no seu municipio. Contén tamén información sobre as características da poboación, aínda que algo menos detallada cá don censo. A súa principal vantaxe é a de tratarse dun rexistro vivo, dinámico, xa que cando unha persoa se traslada a vivir a outro municipio ten a obriga legal de empadroarse nel. De aí que sexa denominado padrón continuo de poboación. Isto quere dicir que en calquera momento se pode coñecer a cantidade de poboación dun municipio, así como as súas principais características. Este dato é de vital importancia para os concellos, xa que reciben reciben máis ou menos financiamento en función da poboación que teñan.