Gráfica da emigración galega

A emigración galega

Galicia é, con 2.796.089 habitantes, a quinta comunidade de España con maior poboación, despois de Andalucía, Cataluña, Madrid e a Comunidade Valenciana, e en 2008 representaba o 6,03% da poboación española. As migracións condicionaron a progresiva perda de peso de Galicia na demografía española.
 
Testemuñada desde o século XVIII, cando os campesiños galegos partían cara a Castela para traballar como xornaleiros, a emigración preséntase como un fenómeno inherente ao territorio galego. Polo tanto, o coñecemento dos procesos migratorios é fundamental para entender non só a estrutura da poboación, senón tamén a evolución económica e social de Galicia.
 
No contexto dos movementos migratorios do século XX, hai que diferenciar dúas grandes etapas no referente aos destinos dos emigrantes que parten da nosa comunidade:
 
    a) As migracións transoceánicas (ata 1960). A mediados do século XX os galegos emigrados cara a Iberoamérica supuñan arredor do 33% do total nacional. As enormers posibilidades que ofrecían as nacións americanas, moi necesitadas de man de obra nas súas fases de creación, impulsaron as saídas masivas cara a países como Arxentina, Brasil ou Cuba. Durante varios anos superouse a cifra de 70.000 persoas embarcadas nos portos galegos, das que o 70% eran homes.
 
    Tras a finalización da Segunda Guerra Mundial, a mediados dos 40, o proceso migratorio revitalizouse, aínda que sen acadar as cantidades anteriores, e cobraron importancia novos destinos, como Venezuela, Uruguay ou, en menor medida, México e os Estados Unidos. En conxunto, as provincias occidentais superaron lixeiramente ás de Ourense e Lugo en rexistro de saídas, quizais pola proximidade aos portos da Coruña e Vigo, desde onde se realizaba a gran maioría dos embarques.
 
    b) A emigración cara a Europa. A partir de 1960, o estímulo das facilidades ofrecidas polos países de Europa occidental, inmersos nun importante proceso de industrialización tras a Segunda Guerra Mundial e o desenvolvemento posterior, favoreceu a marcha de man de obra cara a Alemaña, Francia, Suíza, Bélxica ou Gran Bretaña. Desde 1961 ata 1980 saíron dos portos galegos máis de 300.000 emigrantes, cunha porcentaxe maior de mulleres que na corrente transoceánica.
 
Entre 1978 e 2008 o movemento migratorio experimentou importantes cambios de tendencia. Galicia pasou de ser emisora de emigrantes a receptora de inmigrantes. O retorno dos emigrantes é o máis importante de toda España.
 
A emigración nacional iniciouse na década de 1980 despois de que a emigración internacional se paralizase como consecuencia da crise do petróleo de 1973. Os galegos emigraron ás principais áreas industriais de España. Por esta razón, o saldo migratorio de Galicia co resto das rexións españolas foi tradicionalmente negativo. Nos últimos anos esta tendencia variou ao se rexistrar un saldo positivo entre 1992 e 1994, en 2005 e, sobre todo, en 2008.
 
As migracións interiores dentro do territorio galego seguiron a tendencia de instalarse nas zonas litorais, polo que moitas zonas do interior quedaron practicamente despoboadas.
 
A inmigración estranxeira multiplicouse por máis de catro entre os anos 1999 e 2008. Dos pouco máis de 21.787 residentes estranxeiros rexistrados a comezos de 1999 acadouse a cifra de 95.568 persoas en 2008. A maioría dos inmigrantes procede da Unión Europea, principalmente de Portugal, que representa o 19,38% de todos os inmigrantes. Ségueno, en orde de importancia, Brasil, Colombia, Romanía e Marrocos.