Vocabulario

Economías de escala

Falamos de economía de escala cando unha empresa consigue aforrar custes en virtude da súa produción a grande escala. Pero empregamos o termo moitas veces en relación co concepto de economías externas; neste caso, o concepto expresa as vantaxes que para unha empresa comporta a súa localización nun determinado entorno: cando se produce unha concentración xeográfica das industrias, por exemplo, as fábricas benefícianse de infraestruturas colectivas e repártense o custe destas. Situadas perto dun grande mercado de consumo, por exemplo, economizan en gastos de transporte, benefícianse da concentración de man de obra especializada ou de incentivos fiscais,… Por iso, a concentración urbana e portuaria da actividade industrial responde a este efecto de economías de aglomeración, as cales, por saturación, poden dexenerar en deseconomías externas.
 

Enerxías renovables

Enerxías renovables son aquelas que se obteñen de fontes naturais virtualmente inesgotables, ben sexa pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen, ben porque son capaces de rexenerarse por medios naturais. Entre as enerxías renovables cóntanse a hidroeléctrica, eólica, solar, xeotérmica, maremotriz, biomasa e os biocombustibles.
 

Difusión industrial

Á hora de explicar a difusión industrial, tradicionalmente acudíuse ao modelo centro/periferia; este modelo de organización territorial explicaba a dualidade entre espazos industrializados e espazos dependentes -xurdidos a partir da Revolución Industrial no interior dos Estados (cidade/campo) e a nivel planetario (Norte/Sur, Primeiro/Terceiro Mundo). Nos tempos actuais, a difusión industrial corresponde a: 1) o espallamento da actividade industrial fóra dos núcleos urbanos e no entorno rural -por mor dunha menor cantidade de custes de instalación nestas áreas, e sabendo que as grandes aglomeracións urbanas ofrecen xa deseconomías externas-; 2) o fenómeno da deslocalización industrial, polo que -debido aos efectos da globalización económica- as principais empresas multinacionais (EMN) encamiñan os seus investimentos cara ás economías industriais emerxentes, onde gozan tamén de menores custes de explotación -sobre todo en man de obra-.
 

Fondos estruturais

Os Fondos Estruturais son instrumentos da Unión Europea encamiñados a promover un desenvolvemento armonioso do conxunto da Unión, encamiñados a reforzar a súa cohesión económica e social. No período 2007-2013, a Unión Europea conta con dous Fondos Estruturais: o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Fondo Social Europeo (FSE). OFEDERten como obxectivo reducir as diferenzas que existen entre os niveis de desenvolvemento das rexións europeas para que as rexións menos favorecidas se recuperen do retraso que sufren. Desde 1975 concede axudas para a construción de infraestruturas e a realización de investimentos produtivos capaces de xerar emprego, sobre todo en beneficio das empresas. O FSE, instaurado en 1958, está destinado a fomentar as oportunidades de emprego e movilidade xeográfica e profesional dos traballadores, así como facilitar a súa adaptación ás transformacións industriais e aos cambios dos sistemas de produción, especialmente mediante a formación e a reconversión profesional. Financia principalmente actividades de formación para favorecer a inserción profesional dos desempregados e dos sectores máis desfavorecidos da poboación.
 

Subcontratación

A subcontratación, outsourcing ou tercerización é o proceso económico no que unha empresa move ou destina os recursos orientados a cumplir certas tarefas cara a una empresa externa por medio dun contrato. Por exemplo, unha compañía dedicada ás demolicións pode subcontratar a unha empresa dedicada á evacuación de residuos para a tarefa de desfacerse dos escombros das unidades demolidas.
 

Industrias verdes

Unha industria verde é aquela na que o valor central non é o crecemento económico senón o desenvolvemento sostible -a través do respeto ao medio ambiente e o uso preferente de enerxías alternativas ou renovables-. Unha industria verde crea valor económico, medioambiental e social. Por tanto, nelas un valor fundamental é o de evitar a contaminación industrial e o deterioro da paisaxe.
 

Materias primas estratéxicas

No novo contexto de desenvolvemento industrial de potencias emerxentes como China, unha serie de materias primas estratéxicas acadan nos mercados internacionais un valor notable pola súa asociación a industrias de tecnoloxía punta e a escaseza das mesmas. En moitos casos estamos diante de recursos que son causa de guerras neo-imperialistas para abastecer ás grandes potencias industriais. Ademáis dos tradicionais petróleo, gas e uranio, están na lista outras que condicionan o crecemento da produción ou a riqueza mundiai e que son clave por razóns políticas ou estratéxicas para a economía das potencias, as grandes multinacionais e para o sector armamentista: coltan, diamantes, manganeso, cobalto, aluminio, cobre, xermanio, grafito, cromo, níquel, platino, titanio,…
 

Parque tecnolóxico

Un parque tecnológico é unha instalación industrial que: a) mantén relacións formais e operativas coas universidades, centros de investigación e outras institucións de educación superior; b) está diseñado para alentar a formación e crecemento de empresas baseadas no coñecemento e doutras organizacións de alto valor engadido pertencentes ao sector terciario, normalmente residentes no propio parque; c) posúe un organismo estable de xestión que impulsa a transferencia de tecnoloxía e fomenta a innovación entre as empresas e organizacións usuarias do parque.